Tapete microbiano

Un tapete de algas cianobacteriano, nun lago salgado nas costas do mar Branco.

Un tapete microbiano ou tapiz microbiano é unha lámina formada por moitas capas de microorganismos, principalmente bacterias e arqueas, que crece en determinados ambientes. Os tapetes microbianos crecen nas interfaces entre diferentes tipos de materiais, principalmente sobre superficies húmidas ou mergulladas, aínda que algúns poden sobrevivir en desertos.[1] Colonizan ambientes con temperaturas entre –40 °C e 120 °C. Algúns atópanse vivindo como endosimbiontes en animais.

Aínda que os tapetes son só como moito duns poucos centímetros de grosor, xeran unha ampla gama de ambientes químicos internos, e xeralmente constan de capas de microorganismos que poden alimentarse ou polo menos tolerar os compostos químicos dominantes no seu nivel e están formados normalmente de especies estreitamente relacionadas. En condicións húmidas os tapetes mantéñense cohesionados por medio de substancias limosas segregadas polos microorganismos, e en moitos casos algúns dos microorganismos forman redes enguedelladas de filamentos que fan que o tapete sexa máis resistente. As formas físicas mellor coñecidas son os tapetes planos e os piares curtos e grosos chamados estromatólitos, pero hai tamén formas esféricas.

Os tapetes microbianos son as primeiras formas de vida da Terra das cales existen bos rexistros fósiles, os máis antigos de hai 3.500 Ma, e foron os membros e mantedores máis importantes dos ecosistemas do planeta. Orixinalmente dependían das chemineas hidrotermais para obter enerxía e "alimento" químico, pero o desenvolvemento da fotosíntese liberounos gradualmente do seu "gueto hidrotermal" ao proporcionarlles unha fonte de enerxía máis abundante e dispoñible, a luz solar, aínda que inicialmente os tapetes fotosintetizantes dependían da difusión de compostos químicos emitidos polas chemineas hidrotermais. A etapa final e máis significativa desta liberación foi o desenvolvemento da fotosíntese produtora de oxíxeno, xa que os principais requirimentos químicos para ela son só o dióxido de carbono e a auga.

Como resultado, os tapetes microbianos empezaron a producir a atmosfera que coñecemos hoxe, na cal o oxíxeno libre é un compoñente vital. Aproximadamente pola mesma época puideron tamén ter sido o lugar onde se orixinou o tipo de células máis complexo, a eucariota, da cal están compostos todos os organismos multicelulares. Os tapetes microbianos eran abundantes nos leitos mariños pouco profundos ata a revolución do substrato cámbrica, cando os animais que vivían en augas pouco profundas incrementaron as súas capacidades de escavar túneles e así romperon as superficies dos tapetes e permitiron que a auga oxixenada penetrase nas capas profundas dos tapetes, o que era un veleno para os microorganismos intolerantes ao oxíxeno que vivían alí. Aínda que esta revolución eliminou os tapetes dos fondos brandos dos mares pouco profundos, aínda seguiron prosperando en moitos ambientes nos que a escavación dos animais é limitada ou imposible, como os leitos rochosos e certas costas, lagoas salobres ou hipersalinas, e fondos do océano profundo.

A causa da capacidade dos tapetes microbianos de usar case calquera tipo de "alimento", hai un considerable interese no seu uso industrial, especialmente para o tratamento de augas e a limpeza da contaminación.

  1. Schieber, J.; Bose, P, Eriksson, P. G.; Banerjee, S.; Sarkar, S.; Altermann, W.; Catuneanu, O. (2007). Atlas of Microbial Mat Features Preserved within the Siliciclastic Rock Record. Elsevier. ISBN 0-444-52859-8. Arquivado dende o orixinal o 01 de xullo de 2016. Consultado o 2008-07-01. 

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search